A Coruña investirá case 100 M€ para acometer obras de mellora en todos os barrios

1 minutes read

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este sábado a sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local convocada para aprobar o expediente correspondente ao proxecto dos orzamentos xerais do Concello da Coruña para o ano 2024.

Os Orzamentos 2024, os máis elevados da historia da cidade, con 375 millóns de euros, entrarán en vigor en xaneiro do próximo ano. «Son uns orzamentos ideados para seguir avanzando na construción dunha Coruña na que as persoas sexan as protagonistas. Queremos unha cidade máis humana, socialmente xusta e onde todas e todos teñan igualdade de oportunidades», expuxo a rexedora. Rey lembrou que se trata dun orzamento netamente expansivo e pensado para respaldar o impulso dado á cidade desde o ano 2019, axudando á modernización e renovación das súas infraestruturas cun claro carácter social. 

O novo orzamento contempla unha partida de máis de 93 millóns de euros para investimentos en todos os barrios da Coruña. Trátase da maior contía destinada a obras na historia do Concello, que permitirá actuar en todos os barrios da cidade con con actuacións moi relevantes. A contía destinada a obras sae da suma dos 75,1 millóns de euros do capítulo de Investimentos Reais, mais 18 millóns recollidos en transferencias correntes co mesmo fin.