A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acudiu na mañá deste xoves ao Centro Deportivo do Castrillón, que queda aberto ao público. Un equipo de monitores traballa en amosar as instalacións aos cidadáns e axudar na tramitación de altas. Ademais, as persoas interesadas poden participar nunha serie de actividades deportivas organizadas de maneira gratuíta ata final de ano.
«Coa apertura deste centro deportivo cumprimos unha demanda histórica dos veciños e das veciñas do Castrillón, que están a amosar a súa satisfacción polo resultado do traballo que levamos a cabo», sinalou Inés Rey. A gran demanda que suscita o Centro Deportivo do Castrillón, con case 2.000 persoas preinscritas, propiciou que se adiantase a súa apertura para facilitar as altas e dar a coñecer os novos servizos. As instalacións ao completo entrarán en funcionamento a finais deste mesmo mes.
O horario de apertura provisional a partir deste xoves será das 10.00 ás 21.00 horas de luns a venres e das 10.00 ás 14.00 horas os sábados. Este horario é provisional e ampliarase unha vez que comecen a funcionar o conxunto das instalacións o 26 de decembro.
O horario das clases dirixidas, que comezarán este sábado 17 de decembro, será de 10.30 a 11.30, de 18.00 a 19.00 e de 19.15 a 20.15 horas de luns a venres e de 10.30 a 12.00 horas os sábados. As actividades que se impartirán serán acondicionamento físico, body combat, GAP ou zumba. Todas son gratuítas ata completar a capacidade.