A Costa da Morte celebrou multitude de actos na rúa ao redor do 25N

3 minutes read

Nos últimos 20 anos 1.237 mulleres faleceron en España como consecuencia da violencia machista, 68 delas en Galicia. Motivos máis que suficientes para tratar de poñerlle freo á lacra da violencia contra as mulleres. Na Costa da Morte, miles de persoas saíron á rúa en pobos, vilas e concellos para levantar a voz contra esta lacra.

En Vimianzo celebrouse unha andaina ‘Camiño da Igualdade’. Tratouse dun percorrido polo ‘Roteiro 8M’ que se realizou baixo o lema ‘Nesta loita andamos todos’. Ao remate, procedeuse, na Praza do Concello, á creación dun puzzle xigante elaborado polo alumnado dos centros educativos, co que se reivindica a importancia “de todas as pezas” nesta loita e traslada a sensibilización deste día tan sinalado ás idades máis temperás. Pecharon a programación Noelia Papín e o vimiancés Vivente Mohedano, de Serea Teatro, coa representación da obra ‘Sen lingua’, na que se aborda o maltrato psicolóxico e emocional, aquel que, a simple vista, non se ve. A concelleira de Igualdade, María José Pose, reivindica que se trata dunha loita “de todos e todas, na que todos e todas nós somos a peza máis importante” e que debemos apoiar “todos e cada un dos días do ano”.

En Malpica, a praza Villar Amigo, acolleu un acto que comezou coa petición da Concelleira de Igualdade, Marisol Blanco Gorín, de gardar un minuto de silencio polas vítimas. Despois procedeu a ler o manifesto institucional contra a violencia de xénero, baixo o lema “Muller na sombra. Podes saír da escuridade”. Ao acto acudiron os membros da corporación municipal e veciños e veciñas da nosa vila que quixeron sumarse ao evento. No Facebook do Concello de Malpica deuse a coñecer o duro testemuño de dúas mulleres que quixeron contar a experiencia para demostrar que se pode saír da sombra, que hai moitas maneiras de vivir pero que ningunha desas maneiras é soportando malos tratos, dá igual que sexan físicos ou psíquicos. Dende o consistorio queremos deixar constancia que para preservar a súa identidade os nomes son ficticios. A concelleira agradeceu a confianza depositada nela, para darlle voz e poder contar as súas historias, unha parte moi íntima das súas vidas.

Cabana de Bergantiños celebrou unha xornada reivindicativa baixo o título ‘A visibilidade da muller: As Mulleres da Nosa Vida’. A Casa do Pendón foi o lugar escollido para levar a cabo esta xornada na que diversas agrupacións locais e demais persoeiros culturais sumaron as súas voces para reivindicar a loita contra a violencia machista, unha das principais lastras da nosa sociedade. Deu comezo co espectáculo de danza ‘Miña Xoia’, por conta de Clara Ferrao. A continuación, Silvia Losada deu a benvida protocolaria a todos os participantes e o grupo cabanés Son de Cabana, levou a cabo unha interpretación musical coa que fixeron unha lembranza a todas aquelas devanceiras que deixaron pegada nas súas vidas. A continuación, a poeta cabanesa Matilde Vilariño recitou a súa composición titulada ‘No día da muller’, e acto seguido a o alumnado da escola municipal de teatro levou a cabo a interpretación dunha obra reivindicativa a prol da igualdade. As intervencións orais e musicais de Icía do Manso e Irma Macías, xunto coa interpretación poética de Rosalía Fernández Rial puxéronlle o broche a unha xornada que se despediu coa actuación musical de membros da Asociación Íntegro.

Na Laracha levouse a cabo a terceira Andaina “A Laracha unida fronte ás violencias machistas”, para rematar na Praza do Concello, onde a concelleira de Igualdade, Rocío López, lía o manifesto para rexeitar este tipo de violencia.

En Carballo, un grupo de nenas leu un manifesto na porta do Concello ante a xente concentrada na praza.