A Costa da Morte pode deixar de ser privilexiada para observar o ceo nocturno

2 minutes read

Hai tempo que nas cidades non se poden ver estrelas. A contaminación lumínica provocada polos farois das rúas e outros elementos dificulta moito a posibilidade de gozar da imaxe dun ceo estrelado. Iso é así en case todo o litoral, como se pode comprobar por exemplo nas imaxes tiradas pola Estación Espacial Internacional e tamén nos estudos de investigadores como Dominic Royé, que analizou a radiancia nas distintas costas da Península Ibérica. Royé concluíu que a Costa da Morte era a zona de litoral con menor contaminación lumínica.

En efecto, semella que a Costa da Morte é un lugar privilexiado para observar o ceo nocturno, como se pode comprobar nas imaxes publicadas decote por afeccionados e afeccionadas á fotografía. É por iso que hai algúns días o coñecido percebeiro e escritor Suso Lista denunciou nas redes sociais o proxecto para instalar 15 farois de 5 metros de altura preto da Praia do Osmo, en Corme (dependente do Concello de Ponteceso), un lugar que é empregado habitualmente para tirar fotografías tan espectaculares como nas que se apreza perfectamente a Vía Láctea.

«Para que necesitan 15 farolas máis a carón do mar? Non debemos permitir está salvaxada», dicía Suso Lista, nunha protesta que recibiu inmediatamente numerosos apoios, entre eles o da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, que traballa dende hai anos na concienciación sobre a importancia da contaminación lumínica.

Precisamente a semana pasada a Agrupación Ío presentou por primeira vez en Galicia o documental Saving the Dark (Salvar a escuridade), proxectado na Domus da Coruña co gallo do Día Internacional da Luz, que desde 2018 promove cada 16 de maio a UNESCO. Hai tres anos Salva Bará (USC) e Martin Pawley (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío) encargáronse da tradución ao galego do vídeo Losing the Dark (A perda da escuridade), que contou coa locución de Belén Regueira.

A perda da escuridade.