A costa galega continúa este domingo en alerta vermella por temporal costeiro

1 minutes read

Esta alerta vermella estará activa no litoral da Coruña e na Mariña lucense e será laranxa na costa de Pontevedra.

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a  Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel vermello afectará este domingo desde primeiras horas á costa da Coruña e de Lugo por mar combinada do noroeste con ondas de ata dez metros e vento do oeste de forza oito que poderá acadar forza nove en Lugo. No litoral de Pontevedra a alerta manterase en nivel laranxa por mar combinada do oeste ou noroeste con ondas de ata oito metros e vento do oeste ou suroeste de forza oito.

A Secretaría  Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou tamén para mañá a suspensión da actividade deportiva no mar, tanto federada como do programa Xogade, nos concellos afectados polo temporal costeiro. Os municipios e os horarios afectados poden consultarse na web Deporte Galego.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.