Nin a mediación acalma o conflito na CRTVG, cuxo persoal volve á folga este venres, coincidindo co inicio da campaña electoral, na que será a quinta xornada de paro polo “cesamento dos abusos contra as persoas traballadoras que se negan a acatar as prácticas de manipulación informativa”.
O persoal mantén as mobilizacións e as súas demandas, das que destaca a de “repoñer nos seus postos a varios traballadores e traballadoras que foron trasladados” do seu posto habitual, segundo o comité de empresa, “como castigo por non ser dóciles ante a dirección” e logo de varios episodios de censura ou inxerencias nas súas informacións. Aí está o principal atranco das negociacións, ao negarse a CRTVG a aceptar tratar calquera tema que teña que ver con “supostos, hipotéticos e infundados” abusos, tratos degradantes ou represión na súa casa, asuntos que si serán tratados en sede xudicial.
Ante a gran repercusión que están acadando estes paros en España, co apoio de Yolanda Díaz ou a mención de Pedro Sánchez no pleno, a dirección aceptaba finalmente a mediación e comezaba unha negociación co comité. Con todo, as conversas non deron moito resultado. A negociación quedou “en suspenso” esta mesma semana, como lembra o comité intercentros nun comunicado, “ao non aceptar a empresa repoñer nos seus postos de orixe a varias traballadoras que foran trasladadas de medio (da radio á tele, da tele á radio ou da radio a internet), segundo o comité de empresa, como castigo por non ser dóciles ante a dirección”. Foi o atranco principal que evitou, polo momento, que CRTVG e traballadores seguisen negociando outras demandas do persoal.
Ante esta situación, o comité anuncia a nova xornada de folga para este venres, coincidindo fco arranque da campaña das eleccións municipais. Ademais, a representación dos e das traballadoras advirte de que “intensificará as protestas durante toda a campaña electoral con accións selectivas” e que “mantén firme a convocatoria de folga do propio día das votacións, o 28 de maio“.