O Foro Económico de Galicia pechou este venres no Parador de Muxía a súa XV Reunión Anual, cun balance moi positivo polos temas que se trataron e a calidade das mesas de debate.
“Nesta reunión xuntámonos persoas de todo tipo de ideoloxías e procedencias para debatir sobre os temas de actualidade nun ambiente cordial, algo do que sentirnos orgullosos e que temos que coidar”, asegura o director do Foro Económico de Galicia, Santiago Lago.
Na primeira das mesas de debate deste venres falouse de financiamento autonómico, coa presenza do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos; Santiago Lago Peñas (Universidade de Santiago de Compostela), e Xoaquín Fernández Leiceaga (Universidade de Santiago de Compostela). Moderada polo xornalista Julián Rodríguez.
Entre as conclusións, falouse de que o sistema de financiamento necesita unha reforma, pero sería conveniente un maior consenso entre as comunidades autónomas antes de que a proposta definitiva chegase ao Congreso dos Deputados.
Á marxe do financiamento, tratáronse outros temas, como os fondos europeos e o cambio climático, coa conclusión de que Galicia debe estar moi atenta a este desafío e formar parte dunha estratexia xeral para facerlle fronte.
A última mesa da XV Reunión Anual tratou ‘O bo momento da economía española ante os desafíos globais’, con Luiz De Mello (director dos estudos de país da OCDE) e Raymond Torres (director de Conxuntura Económica de FUNCAS). Presentada Marta Fernández Currás (Ecoener / RCDeportivo A Coruña).
Tanto De Mello como Torres falaron das posibles consecuencias do actual conflito bélico e repasaron as causas da boa marcha da economía española, entre as que destacaron o impacto positivo da inmigración en determinados sectores.
Entre os desafíos para España, destacouse o actual problema da vivenda, que repercute social e económicamente, e no caso de Galicia incidiuse no seu problema demográfico, co reto por diante de gañar poboación se a comunidade autónoma quere manter o crecemento sostible dos últimos anos.