As «deficiencias» no parque infantil de Monte Claro volverán ao pleno da man do PSOE larachés

1 minutes read
  • A agrupación tamén rexistrou unha pregunta sobre as medidas que se adoptarán para solucionar os problemas co transporte escolar

A formación socialista da Laracha, a través da súa voceira, Palomi Rodríguez Castiñeira, levará ao pleno deste mes dúas preguntas en relación ás «deficiencias» no parque infantil da urbanización Monte Claro, na parroquia de Cabovilaño, e tamén no transporte escolar.

Desde o PSOE recalcan que o deterioro das instalacións do parque «faise cada vez máis que evidente» e que xa son varias as queixas que os veciños remitiron ao goberno local. Rodríguez Castiñeira destaca que o «Concello da Laracha non pode permanecer de brazos cruzados ante unha situación que supón unha ameaza para os máis pequenos», un problema do que xa deron conta desde a formación en xullo do 2019.

A outra pregunta refírese a máis deficiencias, pero neste caso no transporte escolar de varios centros educativos públicos da localidade. Os socialistas piden coñecer que medidas en concreto se van a adoptar no IES Agra de Leborís e nos CEIP Alfredo Brañas e Ramón Otero Pedrayo despois de que o alcalde se reunira co delegado da Xunta na Coruña.