A demarcación de Galicia-Costa afronta o verán en situación de prealerta por seca

1 minutes read

Así o confirmou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, quen ofreceu axuda aos concellos para incentivar o aforro de auga e eliminar as fugas das redes.

Detallou que, nin as chuvias rexistradas en maio, nin as dos últimos días, tiveron efecto nos caudais circulantes, é dicir, non foron suficientes para mudar a situación de prealerta por seca prolongada que leva padecendo Galicia-Costa desde o mes de febreiro.

A evolución hidrolóxica e meteorolóxica do último mes reflicte datos que obrigan a manter esta situación de prealerta, xa que despois dun abril seco, maio resultou tamén moi seco, cunha porcentaxe de precipitacións dun 61% por debaixo do normal.

O caudal medio dos ríos en maio foi inferior ao dos últimos dez anos, estando un 46% por debaixo dos valores habituais para esta época; e os datos dispoñibles a nivel de augas subterráneas indican un lixeiro empeoramento respecto ao mes de abril.

En canto á ocupación dos encoros, todos están estables, coas reservas de auga embalsada para abastecemento ao 93,73% da capacidade, sensiblemente inferior ao do ano pasado, cando chegaba ao 98,37%.