O deputado responsable da área de Promoción Económica, Blas García, visitou o parque comarcal de bombeiros de Ribeira, un dos dez que xestiona na provincia da Coruña o Consorcio Provincial Contraincendios, integrado ao 50% pola Deputación e a Xunta de Galicia, e presidido polo titular da institución provincial coruñesa, Valentín González Formoso.
Acompañado da deputada provincial Sandra González, do concelleiro de Seguridade de Ribeira, Víctor Reiriz e do xerente do Consorcio Luis Barca, o deputado conversou cos bombeiros e coñeceu as instalacións, equipamentos e necesidades do parque, que presta servizo (xunto co parque de Boiro) a máis de 106.500 habitantes nos concellos da zona, unha área de intervención cunha extensión de máis de 600 kilómetros.
Entre os retos de futuro do Consorcio Provincial Contraincendios, Blas García aludiu á necesidade de pór en marcha un parque comarcal que dea servizo á área de Compostela, ben mediante a comarcalización do parque de Santiago cun modelo similar ao que xa se aplica en Ferrol ou mediante a construción dun novo parque comarcal que descargue aos parques de Barbanza de acudir aos incendios que se producen na zona do sur de Compostela.