A área de Cultura da Deputación da Coruña está a promover a modificación de liñas de traballo para adaptalas á situación actual e novas iniciativas encamiñadas a paliar os efectos negativos que o Covid19 vai ocasionar no mundo da cultura. Neste sentido, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, púxose en contacto coas asociacións profesionais do sector para traballar man a man na recuperación despois de rematar o estado de alarma.
O deputado, dirixiuse ás asociacións profesionais do sector para transmitir a preocupación pola crise provocada polo Covid19 e ofrecer a colaboración da institución á hora de activar novas medidas que contribúan a paliar os efectos negativos que o confinamento, a crise económica e as medidas que limitan os actos públicos están a provocar nos distintos ámbitos da cultura.
Entre as primeiras medidas que traslada ás distintas asociacións, destaca a flexibilización das bases da Rede Cultural coa ampliación do prazo de programación por parte dos concellos que se alongará até o primeiro trimestre do 2021 para así manter o orzamento e as actividades da edición anterior. A modificación sae publicada xa no BOP deste 31 de marzo.