A Deputación contribúe a pagar parte dos gastos da Mostra do Encaixe de Camariñas 2020

2 minutes read

A Deputación da Coruña e o Concello de Camariñas financiarán de xeito conxunto os case 100.000 euros de gastos que xerou a Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña 2020.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, asinaron o convenio polo que o ente provincial achegará 45.000 euros, o 45% do total, para financiar os gastos que xa estaban executados antes da súa cancelación no mes de marzo, por prudencia e responsabilidade, debido á declaración do Estado de Alarma.

Ademais, neste acordo tamén se inclúe o financiamento da primeira Mostra Virtual da historia, un acontecemento organizado polo Concello de Camariñas durante a Semana Santa para que non se perdese o espírito da Mostra, adaptándose ao confinamento obrigado derivado da pandemia da COVID-19. Un evento que tivo un gran éxito ao colleitar unha audiencia de 237.962 usuarios, que visualizaron desde os seus fogares os 175 vídeos que se sucederon desde o mércores ata o domingo no Facebook da Mostra (@mencaixedecamarinas) e na canle de Youtube do evento. Todos os protagonistas habituais da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña tiveron o seu oco nesta edición virtual.

«Quixemos apoiar ao Concello de Camariñas mantendo a mesma porcentaxe sobre o total de gastos que se viña aportando cando a Mostra se podía levar a cabo con normalidade», explicou González Formoso que tamén lembrou que «no mes de febreiro redobramos a nosa aposta por este evento, que pasou a incorporar á Deputación na súa nomenclatura oficial, e a nosa idea segue sendo a mesma xa que o encaixe de Camariñas é patrimonio provincial».

Pola súa parte, Sandra Insua agradeceu «á Deputación e ao seu presidente o esforzo que está a facer neste ano tan difícil porque sen este apoio económico sería moi difícil para nós facer fronte aos gastos que xa tíñamos da Mostra: a súa promoción, a montaxe ou a consignación dos premios do concurso de deseñadores mozos».