A Deputación da Coruña promocionará a provincia como territorio gastronómico en Xantar

2 minutes read

A área de Turismo da Deputación da Coruña volverá promocionar a provincia como territorio gastronómico no na feira Xantar en Ourense, que terá lugar do 3 ao 7 de novembro. O xoves 4, día dedicado á provincia da Coruña, o stand da Deputación acollerá un showcooking a cargo de cociñeiros do grupo Coruña Cociña e ofrecerá unha degustación do pan de Carballo.

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, asegura que «Xantar é un moi bo escaparate para difundir a gastronomía como un recurso turístico de calidade orientado ao turismo de proximidade» e neste sentido indica que «o programa de showcookings e degustacións que levamos funciona como unha demostración do bo facer e da profesionalidade de cociñeiros e cociñeiras da provincia que están realizando un traballo magnífico, coidando a súa oferta e apostando pola cociña sustentable e de proximidade».

O programa comezará o mércores 3 con dous showcookings, o primeiro a cargo de Paula Martínez e Lolo Mosteiro do restaurante A Artesa da Moza Crecha de Betanzos (13h) e o segundo a cargo de Xusto Posse do restaurante Albaroque de Carballo (19h). Na seguinte xornada, dedicada especificamente á provincia da Coruña, o stand da Deputación acollerá un showcooking a cargo dos cociñeiros Javi Freijeiro e Moncho Bargo do restaurante Pracer da Coruña e que forman parte do grupo Coruña Cociña.

Tamén nesta xornada se aproveitará para presentar o receitario «A mesa do noroeste. Un percorrido pola gastronomía a través da súa gastronomía» editado pola Deputación e realizado en colaboración con Coruña Cociña. O receitario relaciona 14 produtos da horta e do mar caracterísicos de diferentes puntos da provincia (como o tomate negro de Santiago, o requeixo da Capela ou os percebes do Roncudo) con receitas elaboradas por outros tantos cociñeiros e cociñeiras. En ambas xornadas, tamén se ofrecerán degustacións do pan de Carballo. O venres 5 e o sábado 6 continuarán os showcookings da man de cociñeiros de restaurantes de Mazaricos e de Vimianzo e a degustación estará protagonizada por produtos gastronómicos procedentes de Vimianzo.