A Deputación da Coruña reivindica en Rianxo a vixencia do legado moral, cultural e político de Castelao

2 minutes read

O deputado provincial Antonio Leira participou este sábado no acto de homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao celebrado no Pazo de Martelo de Rianxo, coincidindo coa conmemoración do 140 aniversario do nacemento do rianxeiro máis universal.

No evento, organizado polo Concello de Rianxo, interviron tamén o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, e o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, que destacaron a dimensión histórica, cultural e simbólica da figura de Castelao e a súa fonda pegada na identidade galega.

Durante a súa intervención, Leira subliñou que Castelao foi «a conciencia moral de Galicia», unha figura que transcendeu o ámbito artístico e político para converterse nun referente ético e colectivo do país. «A través da súa obra literaria, artística e do seu pensamento, soubo retratar coma ninguén a alma do noso pobo: as dores, as esperanzas, a dignidade e tamén a retranca», sinalou.

O representante da Deputación destacou tamén a defensa firme e constante da lingua galega por parte de Castelao, lembrando que entendía a lingua como «a nosa maneira de sentir e de estar no mundo» e como un elemento esencial para garantir o futuro de Galicia como pobo. Leira puxo en valor, ademais, o papel de Castelao durante o exilio, cando «desde lonxe mantivo acesa a chama da galeguidade, converténdose nun referente moral para unha Galicia que resistía dentro e fóra das súas fronteiras».

Antono Leira afirmou que o legado de Castelao segue hoxe plenamente vixente, xa que representa valores que continúan unindo á sociedade galega: a defensa da lingua e da cultura propias, a xustiza social, a liberdade e a dignidade colectiva.

O deputado reiterou o compromiso da institución provincial coa cultura, coa lingua galega e coa memoria democrática, e salientou o significado especial de celebrar este acto en Rianxo, «unha vila que non só viu nacer a Castelao, senón que segue demostrando que a cultura e a identidade son piares fundamentais para construír futuro».