A Deputación demanda políticas activas e considerar a emigración un «drama social e nacional»

1 minutes read

A Deputación da Coruña dirixirase ao Parlamento Galego para que tome en consideración a emigración como un drama social e nacional. É un dos puntos da moción «Non emigramos, expúlsannos» trasladada por Vía Galega-Plataforma Social que foi aprobada no pleno cos votos a favor do PSdG-PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños.

Segundo o aprobado, a Deputación da Coruña dirixirase ao Parlamento de Galiza para que tome en consideración a emigración como un drama social e nacional, conciba este problema como unha emerxencia nacional e outorgue prioridade ás políticas que ataquen as súas causas, instando á Xunta a impulsar políticas que aseguren o dereito a un traballo digno na terra e creen as condicións para favorecer o retorno das nosas persoas emigradas.

Ademais, a iniciativa contempla instar ao Parlamento de Galiza a constituír no seu seo unha ponencia sobre a emigración galega, «co obxecto de que, no prazo máximo de cinco meses, estude e propoña as medidas e políticas necesarias para rematar con este drama que ao longo da historia e actualmente golpea ao Pobo Galego».

A defensa da base produtiva do país e dunha economía autocentrada que mobilice os recursos do país para xerar emprego e riqueza, a creación de emprego digno e de calidade e o desenvolvemento de políticas sociais que aseguren a igualdade e favorezan a conciliación da vida laboral e familiar son os eixos das políticas que a iniciativa defende.

A Deputación da Coruña comprométese así «con políticas que promovan e lle dean forza aos sectores estratéxicos e ao tecido industrial de Galiza, nomeadamente o agrogandeiro, forestal, marítimo-pesqueiro, enerxético e das TIC».