A Deputación destina 10 millóns de euros para un PEL especial de apoio ás PEMES e autónomos

1 minutes read

O pleno da Deputación da Coruña aprobou un expediente modificativo de créditos por importe de 21.017.231,40 euros, cos que se financiarán diversos investimentos destinados a paliar as consecuencias sociais e económicas da Covid-19. O expediente foi aprobado cos 30 votos favorables de PSOE, BNG, Partido Popular e Alternativa dos Veciños e unha abstención do deputado de Marea Atlántica.

Entre as medidas que se financiarán con estes fondos destaca unha nova liña especial do PEL, dotada con 10 millóns de euros, para apoiar ás pequenas empresas e autónomos da provincia da Coruña especialmente afectados pola pandemia.

«Trátase dun programa ambicioso, dotado con 10 millóns de euros, que na práctica supón duplicar o orzamento anual do PEL. É unha resposta excepcional a unha crise excepcional», afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que anunciou que o goberno provincial traballa xa nas bases do programa se desenvolverá en estreita colaboración cos concellos para amortiguar as consecuencias económicas que a crise ten para as pequenas empresas e autónomos da nosa provincia.