A Deputación destina 30.000 euros para o mantemento da Unidade de Condutas Aditivas de Carballo

2 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, asinaron este xoves no Concello de Carballo o convenio de colaboración para o financiamento da Unidade de Condutas Aditivas (UCA) da localidade, pola que a Deputación da Coruña achega 30.000 euros. No acto participou tamén o vicepresidente provincial, Xosé Regueira.

Desde a súa creación en 1995, a UCA de Carballo é un recurso sanitario e social de referencia comarcal, que presta atención especializada ás persoas con trastornos adictivos non só de Carballo, senón de quince concellos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra. Só no último ano, a unidade atendeu a 503 persoas, preto dun 4% máis que o ano anterior, desenvolvendo programas de tratamento por consumo de drogas ilegais, alcol, tabaco, benzodiacepinas, así como intervencións en adiccións comportamentais.

No seu cadro de persoal conta con médico-psiquiatra, enfermeira, psicóloga, traballadora social e persoal administrativo para prestar unha atención integral aos usuarios e usuarias, tanto no eido médico coma no psicolóxico e social.

Formoso puxo en valor «o traballo esencial que realiza a Unidade de Condutas Aditivas de Carballo na prevención e rehabilitación das persoas con problemas de adiccións» e destacou «que o compromiso da Deputación co ámbito social se traduce en apoiar servizos públicos de proximidade». «Investir en obras, estradas ou servizos públicos é importante, pero tamén o é axudar a reforzar recursos sociais e sanitarios coma este, que atenden realidades complexas e teñen un impacto directo na vida das persoas», afirmou o presidente provincial.

A axenda da xornada incluía unha visita as obras da terceira fase da travesía de Sísamo, que se adiou debido ás malas condicións meteorolóxicas.

Tras a sinatura do convenio, Formoso mantivo unha reunión de traballo co alcalde e concelleiros e concelleiras na que se analizaron algúns dos principais investimentos da Deputación no municipio así como as necesidades deste.