A Deputación da Coruña distribúe outras 278.000 máscaras de protección entre os 93 concellos da provincia. 210.000 foron adquiridas pola institución provincial e repartiranse entre todos os concellos coruñeses en función da súa poboación, mentres que as restantes 68.000 proceden dunha aportación do Goberno de España a través da Subdelegación do Goberno na provincia da Coruña e destinaranse aos municipios de menos de 20.000 habitantes.
O material atópase xa na plataforma loxística Clonegal da Xunta de Galicia en Arteixo, que xa distribuíu outras 130.000 máscaras da Deputación no mes de abril, e comezará a chegar aos concellos a partir do luns 11 de maio.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que se trata «dun bó exemplo de colaboración entre institucións: Goberno de España, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e concellos traballando de forma coordinada para facer chegar á cidadanía a maior cantidade de material de protección no menor tempo posible».
Contrato para adquirir 500.000 máscaras máis
González Formoso aclarou que a Deputación da Coruña «seguirá adquirindo e enviando material de protección aos concellos durante o tempo que dure a crise sanitaria da Covid-19».
Neste sentido, cabe destacar que a institución provincial ten aberto o proceso de licitación pública dun contrato para o suministro de ata 500.000 máscaras máis, que se distribuirán periódicamente os municipios coruñeses nos vindeiros seis meses.
Sumando esta cantidade ás xa repartidas en abril e maio, o Goberno provincial prevé pór máis de 900.000 máscaras a disposición da cidadanía da provincia a través dos concellos.
O material irá destinado aos concellos da provincia da Coruña, que decidirán o fin dos equipamentos en función das súas necesidades, distribuíndoas entre a cidadanía, os negocios que comezan a funcionar, os usuarios dos transportes públicos ou os profesionais de servizos esenciais municipais
As mascarillas adquiridas pola Deputación son de tipo cirúxico de triple capa e contan con certificado CE para produtos sanitarios segundo a directiva europea 93/42/EEC.