O pleno provincial da Deputación da Coruña deu luz verde á moción que recollía esta demanda, impulsada por PSOE e BNG e que foi aprobada cos votos favorables destas dúas formacións e de Marea Atlántica e a abstención do Partido Popular. O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é un dos recursos máis demandados para a atención a persoas dependentes, contando con máis de 24.000 usuarios e usuarias en toda Galicia. Aínda que este servizo é competencia da Xunta, a súa xestión foi derivada de forma impropia aos concellos. Ademais, o financiamento destinado por parte da administración autonómica para este servizo leva sen actualizarse desde o 2012, polo que a Xunta segue a aportar desde entón a mesma achega de 9,7 euros a hora, contía insuficiente para un servizo que hoxe ten un custe de 26,74 euros/hora, o que obriga aos concellos a asumir a diferencia. Esta situación é completamente insostible e polo tanto a Deputación insta á Xunta a incrementar o orzamento dirixido ao SAF.
34