A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, visitou o municipio de Cee para presentar o programa MercaNaVila e animar aos comerciantes locais a sumarse a esta campaña de dinamización do comercio de proximidade impulsada pola Deputación en colaboración coa Federación Galega de Comercio.
Durante a visita, a deputada estivo acompañada pola alcaldesa, Margot Lamela, e a concelleira de Cultura e Turismo, Luisa Rodríguez, coas que percorreu distintas rúas da vila para falar cos comerciantes de Cee e explicarlles o funcionamento do programa.
Rosa Ana García destacou a boa acollida e o interese mostrado polos establecementos de Cee, onde xa hai 32 pequenos negocios adheridos ao programa, e subliñou que «MercaNaVila é unha ferramenta directa para incentivar as vendas e fortalecer o comercio dos pequenos municipios, que é un motor esencial para a economía e o emprego das nosas vilas. O obxectivo é mobilizar arredor de 25 millóns de euros en vendas nos comercios das vilas e pobos da provincia da Coruña».
100 en euros en descontos para gastar no pequeno comercio
O programa MercaNaVila está dotado con 6 millóns de euros e permitirá ás persoas consumidoras obter bonos de 100 euros en descontos directos para mercar nos establecementos adheridos, que poderán descargarse no móbil a partir do 20 de outubro.
Os comercios interesados poden adherirse a esta campaña ata o 20 de outubro a través da plataforma www.mercanavila.gal.