A Deputación reivindica o papel clave da muller na loita contra a pandemia

1 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado das deputadas da corporación provincial, da responsable de Violencia de Xénero da Delegación do Goberno en Galicia, Maribel Álvarez, do secretario comarcal de UGT, Ángel Iglesias, e de representantes das distintas federacións sindicais que tiveron un papel destacado durante a pandemia (sanidade, alimentación, transporte, sector primario, educación…) participaron esta mañá nun acto reivindicativo con motivo do 8 de marzo, Día da Muller.

Nos xardíns de Méndez Núñez instalaron unha Árbore da Igualdade, en cuxas pólas a cidadanía e distintos responsables sociais e institucionais da cidade foron colgando durante toda a xornada de hoxe as súas mensaxes con motivo do 8 de marzo.

A acción enmárcase na campaña «Oito M, Moito por cambiar» desenvolvida pola institución provincial polo Día da Muller nun ano no que a pandemia non permite as grandes mobilizacións doutros anos.

«Iguais en dereitos, iguais en oportunidades» foi a mensaxe elixida polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que destacou «o papel clave das mulleres na loita contra a pandemia» desde sectores coma a sanidade, a alimentación, a limpeza, o sector primario ou a educación, nos que a presenza feminina ten un rol destacado.