A DXT prevé máis de 7 millóns de desprazamentos esta fin de semana


Desde este venres 12 ás 15 horas, e ata as 24 horas do próximo luns, estará operativa a Operación Especial «15 de agosto» que a Dirección Xeral de Tráfico puxo en marcha co fin de dar cobertura aos 7.070.000 movementos previstos para estes días, o que supón un 2,19% máis con respecto aos datos reais de 2021.

Esta fin de semana longa, grazas á celebración o luns da festividade nacional do 15 de agosto, uniranse, aos desprazamentos de saída e retorno polo cambio de quincena do mes de vacacións de agosto, os de curto percorrido que se produzan a lugares nos que se celebren festas populares así como os que se realicen a poboacións do litoral e praias ou zonas de segunda residencia por tratarse duns días de lecer e descanso de fin de semana dentro do mes tipicamente vacacional que é agosto.

Por este motivo, durante estes días Tráfico estableceu unha serie de medidas de regulación, ordenación e vixilancia do tráfico co fin de dar cobertura de seguridade aos millóns de desprazamentos de curto e longo percorrido previstos.

Para dar cobertura a esta operación e facer que todos estes movementos sexan seguros, Tráfico conta coa máxima dispoñibilidade dos seus medios tanto humanos (axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, persoal funcionario dos 7 Centros de Xestión de Tráfico, patrullas de helicópteros e persoal encargado do mantemento de equipos e da instalación de medidas na estrada, ademais do persoal dos servizos de emerxencias) como materiais (780 radares fixos de control de velocidade, dos cales 92 son de tramo, 545 radares móbiles que poden ir embarcados nos vehículos da ATGC, 12 helicópteros e 39 drons, 23 deles con capacidade de denuncia, ademais de 245 cámaras e 15 furgonetas camufladas para control do uso de móbil e cinto de seguridade. A DXT dispón tamén de vehículos e motos sen rotular que circularán por todo tipo de vías co fin de vixiar calquera infracción).