A emoción dominou a entrega da Medalla de Ouro de Galicia 2021


Trátase da máxima condecoración que cada ano concede o Goberno galego e que neste 2021 recaeu nos profesionais da vacinación. A enfermeira Yolanda Moares, que recolleu a placa e o diploma en nome de todos, celebrou: «Estes meses moitas persoas coñecéronnos mellor que nunca». Moi emocionada, contou que é unha «honra e un orgullo» recibir este recoñecemento.

Por primeira vez na historia das Medallas de Galicia estiveron presentes na entrega o Rey e o presidente do Goberno.

Pedro Sánchez destacou a solidariedade dos galegos e que Galicia sexa a segunda comunidade con máis persoas inmunizadas. «O 67,7% da poboación. Parabéns galegas e galegos. As persoas que están detrás son moitas e a cada unha delas debémoslles este gran paso, porque o éxito da vacinación en Galicia é tamén unha fabulosa noticia para o conxunto da poboación española», afirmou.

O presidente da Xunta cualificou o dispositivo de vacinación de modélico, de logro colectivo e un exemplo do que Galicia é capaz se traballa unida.