A Enfermaría volveu este martes á rúa noutra demostración de forza contra as “precarias” condicións laborais do seu colectivo e contra os “malos tratos mantidos durante anos” cara á súa profesión por parte do Sergas. Como fixeran milleiros de profesionais coincidindo coas oposicións en Silleda hai tan só tres meses, daquela lideradas por Eventuais en Loita, o persoal insiste na “deterioración progresiva” do seu labor, que provoca a falta de efectivos, a fuga de moitas compañeiras cara a outros territorios con mellores condicións e o fastío da maioría. E non descartan ir á folga se a Xunta non senta a negociar.
Así o manifestaron desta vez nunha convocatoria que xorde do colectivo A por Todas, que se define como unha plataforma “independente, apolítica e asindical” conformada por enfermeiras de toda Galicia que se erguen ante a pola progresiva precariedade da súa categoría e que xa levou a cabo algunha acción nos últimos meses. Como a presentación masiva de queixas ante rexistros hospitalarios na que xa advertiron da súa intención de “recuperar e estender os dereitos laborais perdidos nos últimos vinte anos”.
Nesta ocasión celebraron concentracións ante o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo; oComplexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), o Hospital de Monforte e o Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS). “Polos nosos dereitos”, reivindican desde un colectivo que conta con importante apoio entre a enfermaría, incluído o doutros como Eventuais en Loita, que xa levan anos rachando os marcos tradicionais da mobilización e a reivindicación laboral no Sergas.
“Levamos tempo vendo como os nosos dereitos e condicións laborais do noso sector se deterioran progresivamente. Vemos cada día unha sanidade, cada vez máis deshumanizada, na que tanto usuarios como traballadores somos números que só contan para as estatísticas”, reclama o colectivo A por Todas, xurdido o pasado mes de abril. “Tempo despois da COVID, continuamos sen mellora de contratos, sen persoal suficiente e con moitos problemas que veñen de máis atrás… Tiña que xurdir”, explican desde este movemento que este martes amosou o seu “desacordo coas directrices” do Sergas que, din, provocan “a situación actual de falta de enfermeiras que poidan facer fronte ás necesidades actuais, tanto na Atención Primaria como na Atención Especializada”.