A estación de autobuses da intermodal de Vigo estará lista a final de ano

Cedida.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto as tenentes de alcalde Elena Espinosa e María José Caride, asistiron este luns á visita ás obras de construción da futura terminal de autobuses, emprazada no solar anexo á estación de Vialia, á que acudiron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e a presidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera, entre outras autoridades. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a estación de autobuses da intermodal de Vigo estará lista a final de ano para integrarse no nodo de transporte público máis importante de Galicia, polo que pasarán en torno a dous millóns de pasaxeiros ao ano e no que prevén operar preto de 500 expedicións de autobuses cada día. O alcalde, Abel Caballero, indicou que “a cidade entende moi ben o que está a suceder, coa nova Praza da Estación, conectada cun ascensor con Urzáiz, e a inmensa praza de tres campos de fútbol de extensión que cubre a estación de ferrocarril, coa marabillosa arquitectura de Thom Mayne”. Caballero amosou a súa “gran satisfacción” co avance dos proxectos.