A estación de autobuses do Carballiño será reconvertida nun novo centro de saúde


O Carballiño comprométese a realizar os trámites oportunos para a transmisión, en pleno dominio e libre de cargas e gravames, da parcela da antiga estación de autobuses emprazada no número 66 da Avenida do Balneario para a construción do centro de saúde coa cualificación urbanística axeitada ao Plan Funcional e de Espazos, así como ao cambio de uso do equipamento como sanitario. O novo Centro de Saúde duplicará a superficie do actual, pois terá 4.500 m² fronte aos 1.800 do antigo local. “Vai ser un inmoble moderno, que permitirá contar con máis consultas de medicina e enfermaría, froito das prazas que se crearon neste centro a través do Plan Galego de Atención Primaria”, explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que engadiu que o espazo contará tamén con importantes melloras para a asistencia a pacientes e profesionais, pois incorporará as áreas bucodental e de saúde mental, así como salas de críticos e de observación no PAC.