Así o adiantou este xoves a secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social, María Francisca Gómez Santos, durante unha comparecencia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, onde inalou que este é precisamente un dos piares nos que se baseará o futuro modelo de residencias, no que está a traballar desde finais de 2020 o Comité Asesor Sociosanitario. E tamén unha das necesidades que evidenciou a pandemia, que puxo de manifesto a importancia de dispoñer desta e outra información sobre as persoas residentes en centros de servizos sociais de forma case continua e permanentemente actualizada.
Malia que hoxe o plan de atención individualizada que se debe facer de cada residente revísase como mínimo anualmente ou, en todo caso, ante calquera variación significativa da súa situación, o seguimento continuado permitiría detectar e avaliar o deterioro das funcións cognitivas que sofren as persoas durante o proceso de envellecemento practicamente en tempo real, apuntou.
Tamén se está a traballar na mellora dos criterios de valoración da dependencia pensando nas persoas con deterioro cognitivo antes da crise sanitaria da covid-19. A irrupción desta no escenario internacional obrigou, non obstante, a revisar a formulación inicial para adaptalo á nova realidade dos centros.