A exposición ‘A Nosa Arte’ percorrerá as principais cidades galegas


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou en Vigo a exposición A Nosa Arte na que poderá verse unha escolma da colección de arte contemporánea do Parlamento de Galicia ata febreiro de 2023 e que percorrerá as principais cidades da comunidade. Animou a todos os galegos a visitar esta mostra itinerante xa que é unha radiografía do feito de ser galegos e da evolución e transformación de Galicia a través de obras do século XX e XXI. O Parlamento de Galicia conta cunha ampla colección de arte na que se inclúen máis de 300 pezas -pinturas, escultura, gravados e fotografía- de artistas como Urbano Lugrís, Colmeiro, Menchu Lamas, Antón Pulido, Abelenda, Laxeiro, Luis Seoane ou Mercedes Ruibal. Co obxectivo de achegar este patrimonio artístico á cidadanía, o Parlamento -en colaboración coa Xunta- pon en marcha esta exposición itinerante que tras Vigo poderá visitarse en Ferrol, Ourense, Lugo, A Coruña e Pontevedra.