A exposición itinerante ‘Xuventude Crea. Máis dunha década’ chega á Cidade da Cultura

1 minutes read

O Museo Centro Gaiás acolle a exposición Xuventude Crea. Máis dunha década, que repasa os máis de dez anos de vida dun programa que busca recoñecer e dar visibilidade á innovación da xente nova de Galicia en 14 disciplinas diferentes. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta mañá á inauguración da mostra na Cidade da Cultura.

A exposición, que ten carácter itinerante, está conformada por diferentes traballos de mozas e mozos galegos en seis destas disciplinas nunha iniciativa da Xunta de Galicia que promove o talento e a creatividade da mocidade galega. A exhibición pódese ver cada mes nun concello diferente. Así, na capital galega permanecerá durante todo o mes de decembro.

Son 12 as localizacións que percorrerá a mostra itinerante, que tivo como primeiro destino Ribeira no mes de maio; e, a continuación, Lalín, onde estivo en xuño; Vigo, en xullo; Tui, en agosto; Pontevedra, en setembro; Lugo, en outubro; Ourense, en novembro; e, por último, Santiago de Compostela. De cara ao 2022 especificaranse as datas nas que recalará nas súas seguintes paradas: as cidades da Coruña e Ferrol, Noia e Chantada.