A exposición «Pacto Verde Europeo» chega a Vimianzo o próximo 21 de xuño

1 minutes read
  • A localidade acollerá tamén unha actuación de malabares, equilibros e acrobacias na rúa o día 24 de xuño ás 12 horas

A mostra itinerante sobre o Pacto Verde Europeo do centro Europe Direct A Coruña, pertencente á Deputación provincial, chega ao concello de Vimianzo o vindeiro 21 de xuño, onde poderá visitarse durante dúas semanas.

A exposición dá a coñecer os obxectivos da Comisión Europea en materia ambiental para os vindeiros anos. O Pacto Verde Europeo é a folla de ruta da Unión Europea para transformar a súa economía nas vindeiras décadas e avanzar cara un sistema sostible, moderno e competitivo que sexa capaz de facer un uso eficiente dos recursos. O obxectivo final é acadar a neutralidade climática no ano 2050.

A mostra estará acompañada dunha performance artística con malabares, acrobacias e equilibrios que servirá de introdución á temática da exposición e que se celebrará na praza do Concello o día 24 de xuño ás 12 horas. Os paneis da exposición poderán
verse ata o 5 de xullo na sala de exposición Antón Mouzo, na Casa da Cultura da localidade.

Xogo en liña
A exposición ten ademais unha dimensión interactiva para poñer a proba os coñecementos sobre o Pacto Verde Europeo e as accións que a cidadanía pode realizar no día a día para contribuír ao coidado do planeta. Trátase dun xogo interactivo cun formato de Escape Room no que hai que ir superando probas para conseguir unha clave final.

Paradas da exposición
A mostra, realizada con materiais reciclados e reutilizables, realizou tres paradas na provincia antes de chegar a Vimianzo. Foi inaugurada o 9 de maio na cidade da Coruña coincidindo coa celebración do Día de Europa e, a continuación, estivo dúas
semanas nos municipios de Oroso e Ferrol.