A Federación de Libreiros de Galicia adhírese ao programa da Tarxeta Benvida

1 minutes read

Esta colaboración permitirá ás familias beneficiarias desta axuda económica facer uso dela nos 160 negocios que integran esta rede, tal como adiantou a representante do departamento autonómico, Fabiola García, durante unha visita que realizou á emblemática libraría Follas Novas, situada no centro de Santiago.

Alí destacou a importancia de fomentar o hábito lector nas nenas e nenos desde as idades máis temperás. Neste sentido, sinalou que este acordo permitirá que as familias poidan empregar esta axuda na compra de libros, ademais de na compra de alimentos, produtos de farmacia, roupa ou cueiros.

Así mesmo, Fabiola García lembrou que a Tarxeta Benvida leva beneficiado a 67.000 galegas e galegos durante os últimos cinco anos, para o que a Xunta investiu un total de 91 millóns de euros. Unha prestación que se suma á gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos ou ás casas niño, pequenas escolas infantís no rural que chegarán este ano a preto de 100 concellos galegos.