A Federación fixa os calendarios do balonmán, suxeitos á situación sanitaria

1 minutes read

Este sábado foron aprobados os calendarios para a tempada 20/21 pola asemblea xeral da Federación Galega de Balonmán. Serán unhas competicións «vivas», xa que poderán ser modificadas dependendo da situación sanitaria na que nos atopemos.

Así, a competición sénior comezará a fin de semana do 24 e 25 de outubro e as do resto de categorías na seguinte semana. As competicións estarán divididas en catro fases, con pequenos grupos de 4 ou 6 equipos. Da clasificación de cada unha das fases, sairá a composición da segunda e así irase avanzando. Hai que destacar que se aprobou o uso da máscara na competición, un descanso de 2 minutos na metade de cada período e a ampliación da franxa horaria para establecer os partidos de todas as categorías durante a fin de semana.

A Federación Galega proporá, nos vindeiros días, dous ou tres modelos de máscaras, xa que non todas serven. Dende hai semanas están traballando con especialistas buscando ás máscaras máis adecuadas, en función do rendemento deportivo, a filtración bacteriana, o lavado e a comodidade das mesmas adaptadas a este deporte.

Por último, a asemblea aprobou o protocolo de prevención da COVID-19 e o presidente, Bruno López, insistiu na necesidade de que todos e cada un dos clubs e dos integrantes dos mesmos sexan responsables e cumpran as normas establecidas en beneficio de todas e todos. A asemblea xeral extraordinaria da Federación Galega de Balonmán celebrouse este sábado, cunha gran asistencia, metade presencial, metade telemática. O balonmán galego amosou as súas gañas de volver as pistas, aínda que coa máxima seguridade e responsabilidade.