A feira de Paiosaco revive con gran afluencia de público

1 minutes read
  • Un proxecto creado por un estudante da UDC para a propia feira de Paiosaco acaba de ser catalogado como un dos mellores de Europa.

A cita estaba servida e non defraudou, ante un día, climatoloxicamente falando espectacular, e unha organización envexable, Paiosaco celebrou a súa primeira e xa desexada feira dominical tras o confinamento pola pandemia do Covid-19.

Máis de cincuenta postos de venda ofreceron os seus produtos de proximidade nun recinto feiral valado e recentemente acondicionado e pintado polo Concello da Laracha. Non había moito atasco de coches, e agradécese, quizais polas restricións existentes aínda no ramo da hostalería, pero polo demais, gran afluencia de público demandando produtos frescos do campo, que xa tocaba.

Cabe destacar a organización na distribución dos postos de venda e o gran dispositivo de seguridade montado por membros de Protección Civil, axentes da Policía Local e tamén varias patrullas da Garda Civil, quen nalgúns casos infomaban á xente do obrigado cumprimento das medidas de seguridade, sobre todo as derivadas do distanciamento social entre persoas.

A Garda Civil asesorou en todo momento a feirantes e visitantes, das necesarias medidas de seguridade a cumprir.

Proxecto innovador

O Young Talent Architecture Award (YTAA) 2020 da Fundación Mies van der Rohe, seleccionou o proxecto deseñado por Iago Otero (UDC) para a feira de Paiosaco, como un dos mellores proxectos de fin de carreira das escolas de arquitectura, planificación urbanística e paisaxismo. Este proxecto de fin de máster, denominado «Interchange architectures around Paiosaco’s fairground» de Iago Otero, propón unha remodelación do recinto feiral de Paiosaco baseada na reflexión de como sería a evolución deste pobo se cada intervención tivese como pautas a arquitectura e a súa conexión coa paisaxe.