A Festa dos Peixes e Mariscos de Laxe despacha unhas 1.000 racións no peche da fin de semana gastronómica na lonxa

1 minutes read

A Confraría de Pescadores de Laxe pechou este domingo a cuarta edición das Xornadas de Pesca Artesanal No Mar da Lonxa de Laxe cunha xornada gastronómica centrada nos peixes e mariscos da lonxa. Durante o mediodía, servíronse unhas 1.000 racións de peixe frito, empanada e navalla longueirón á prancha.
Na carpa situada detrás da lonxa, veciños e visitantes puideron degustar especies como sardiña, raia, xurelo, maragota, lirio, abadexo, pescada, faneca ou congro, acompañadas de patacas de Coristanco, nunha colaboración entre a confraría de Laxe e o concello veciño.
A afluencia foi constante desde a apertura da carpa á unha do mediodía, momento en que comezaron a servirse as primeiras racións. A proposta gastronómica foi elaborada polo cociñeiro Miguel Mosteiro e o seu equipo, sendo a navalla longueirón o prato con maior demanda por parte do público.
A programación da fin de semana na lonxa comezou o venres pola tarde, cunha degustación gratuíta de navalla longueirón, e continuou o sábado coa repartición de 350 racións de arroz con peixe e marisco da lonxa, tamén de forma gratuíta. Ademais, durante toda a fin de semana desenvolvéronse talleres infantís, showcookings, degustacións e outras actividades destinadas á difusión do produto pesqueiro local e o traballo da pesca artesanal.