A Xunta de Goberno Local acordou este xoves que o Concello solicite acollerse ao incremento da achega autonómica destinada ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) por dependencia. Este acordo dá resposta á actualización do modelo de financiamento establecida pola orde do 26 de marzo de 2026, que introduce un incremento progresivo na achega da Xunta de Galicia para aquelas entidades locais que prestan o servizo en condicións de estandarización e homoxeneidade. No caso da Laracha, o Concello acredita o cumprimento destes requisitos, o que lle permite optar a este reforzo económico que será de 4 euros por hora no ano actual, 5 euros en 2027 e 6 euros en 2028.
A decisión supón un paso máis na aposta do goberno local por consolidar e mellorar un servizo esencial para a veciñanza, especialmente para as persoas maiores e dependentes que precisan apoio no seu día a día para permanecer nos seus fogares en condicións dignas.
Na actualidade, o SAF na Laracha atende por dependencia a 107 persoas, cun volume de 46.000 horas de prestación previstas para 2026. Coa aplicación deste incremento, estímase que o Concello percibirá unha achega adicional da Xunta duns 184.000 euros no actual exercicio económico, que se incrementarían aproximadamente noutros 46.000 euros en 2027 e 92.000 euros en 2028, o que permitirá fortalecer a cobertura do servizo e seguir avanzando na súa calidade.
Desde o Concello sublíñase que esta medida contribúe a garantir a sustentabilidade do SAF, ao tempo que facilita a adaptación do servizo ás necesidades reais da poboación, mantendo criterios de equidade e eficiencia na súa prestación.