O Castelo de Vimianzo acolleu a estrea do primeiro contador de visitantes da Costa da Morte

2 minutes read
  • Trátase dunha ferramenta que permitirá coñecer mellor os fluxos turísticos e mellorar a planificación e promoción do territorio.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, acompañou a Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia; José Manuel López Varela, presidente da CMAT, entre outras persoas asistentes, na presentación deste novo dispositivo.

O dispositivo instalado no Castelo de Vimianzo contabilizou máis de 2.300 visitantes desde a súa posta en funcionamento, o pasado 9 de outubro, cunha media diaria de 95 persoas. O sábado 10 de outubro rexistrouse o maior volume de afluencia, con máis de 200 entradas. Os primeiros datos tamén permiten identificar unha maior concentración de visitantes durante as fins de semana: o domingo representa aproximadamente o 22% dos rexistros e o sábado o 20%.

O director de Turismo de Galicia salientou que esta información permite ir máis alá das estimacións e dispoñer dunha ferramenta obxectiva para coñecer o comportamento dos visitantes. “Trátase de anticiparnos ás necesidades e de procurar un equilibrio entre a actividade turística, a conservación do patrimonio e a calidade de vida da poboación local”, destacou.

O contador do Castelo de Vimianzo é o primeiro dun sistema de catro dispositivos inicialmente previstos para 2026 na Costa da Morte. Xunto ao xa instalado, o proxecto contempla a colocación doutros, dos cales outro localizarase no Concello de Laxe, así como actuacións noutros puntos do territorio.

Neste sentido, o director de Turismo de Galicia tamén destacou o traballo desenvolvido pola CMAT para impulsar a cooperación entre os concellos e os axentes turísticos da Costa da Morte, así como para dotar o destino de ferramentas que melloren a súa xestión.

Desde o Concello de Vimianzo quixeron agradecer que se elixise o seu municipio e o Castelo para instalar este primeiro medidor. Unha aposta polo seu patrimonio e polo potencial turístico da Costa da Morte.