A Fiscalía de Medio Ambiente abriu dilixencias tras unha denuncia presentada pola plataforma “Por un Monte Galego con Futuro” que sinala á Xunta como responsable do “desastre ambiental” rexistrado pola vaga de incendios deste verán. A plataforma acusa á Xunta de “deixamento” ante a vaga de incendios rexistrada os pasados meses de xullo e agosto e que produciron “graves efectos” nos montes e ecosistemas de máis valor de Galicia.
Neste caso, a súa denuncia apunta directamente á Consellería de Medio Rural por “inacción” ante os incendios que “arrasaron ecosistemas de gran valor” como o Parque Natural do Invernadoiro, o Macizo Central ourensán, a serra do Courel, ou a comarca de Valdeorras, entre outros.
Desde a plataforma, suxiren e advirten de que estes incendios se agravaron debido a que a maioría de traballos de prevención estaban sen levar a cabo.