A Fórmula 1 quenta motores co próximo inicio da competición

Volve a Fórmula 1. O presente Campionato do Mundo da especialidade contará, de momento, con oito carreiras, debido ao coronavirus. O ‘gran circo das catro rodas’ fixo oficial un calendario que comezará, en apenas un mes, coa disputa do Gran Premio de Austria. Un país que acollerá dúas probas, os días 5 e 12 de xullo. En principio, a competición ten, este ano, sabor exclusivamente europeo xa que as carreiras programadas van ter lugar en circuítos do ‘Vello Continente’.

A intención da Federación Internacional de Automobilismo, FIA, é ampliar o calendario e estender a tempada a 15 ó 18 probas, se a evolución da pandemia do virus o permite. Os afeccionados non poderán gozar da competición in situ xa que terán prohibido o acceso aos circuítos, ata nova orde. Barcelona albergará, o 16 de agosto, o sexto Gran Premio da campaña. A Fórmula Uno tamén pasará por Hungría, Inglaterra, Bélxica e Italia, segundo o calendario previsto, á espera de poder engadir máis citas.