Ao longo desta pasada Semana Santa, a oficina de información cultural e turística “Brandomil. Porta romana da costa da morte”, promovida pola Fundación Brandomil, acolleu unha gran cantidade de turistas de diferentes partes de Galicia coma Ourense, Fene, Vigo ou Baiona, da península, como Bilbao, Madrid, Murcia ou Salamanca, entre outros, ata de diferentes partes do mundo, dende destinos europeos como poden ser Alemaña ou Países Baixos ata Arxentina, EE.UU, Venezuela e mesmo Australia, acadando así os case 300 visitantes en só oitos días de apertura, os cales se achegaron á oficina coa finalidade de coñecer mellor a contorna.
Unha das cousas que máis sorprende destes visitantes é que viaxan cara a Costa da Morte con pouca planificación, a meirande parte deles buscan visitar destinos clave como son Fisterra ou o Ézaro e gozar da paisaxe marítima, pero a súa sorpresa é máxima cando se lles indica as ofertas turísticas e patrimoniais que poden atopar en toda a zona, dende rutas de sendeirismo, como os Penedos de Pasarela e Traba entre Vimianzo e Laxe ata festas gastronómicas como foi o caso da Festa do Congro en Muxía, así como a amplísima oferta patrimonial que abraia a calquera, que inicia no xacemento romano de Brandomil e viaxa no tempo co Dolmen de Dombate, en Cabana e mesmo dando a coñecer os nosos hórreos como é o caso do de Carnota o cal sempre impacta aos viaxeiros máis internacionais.
Un dos recursos que máis interese xerou nesta ocasión foi o da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas. Moitos dos visitantes que pararon na oficina non coñecían esta celebración e sinalaron o interese por acudir a coñecela, do mesmo xeito así sucedeu cos actos litúrxicos e procesionais vinculados a Semana Santa de Fisterra.
Dende a oficina de información cultural e turística “Brandomil. Porta romana da costa da morte” procuran manter un contacto directo con cada un dos concellos que conforman a Costa da Morte para poder achegar a oferta turística e patrimonial máis actualizada que permita consolidarnos como un referente turístico a nivel nacional.