A Fundación Brandomil reúnese cos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para planificar intervencións

2 minutes read

O secretario da Fundación Brandomil, Enrique Eduardo Iglesias, e o arqueólogo director das escavacións, Lino Gorgoso, reuníronse cos técnicos de Patrimonio para presentar os avances da intervención impulsada pola Xunta de Galicia a finais de 2025, e deseñar de maneira conxunta as estratexias para o presente ano 2026.

Entre os pasados meses de novembro e decembro leváronse a cabo catas arqueolóxicas nun espazo apenas intervido ata o de agora, denominado Agro de Pedra do Altar, no que apareceron numerosos muros de época romana, excepcionalmente ben conservados e tamén moitas pezas de cerámica de multitude de procedencias.

Grazas á combinación de métodos non invasivos como o xeorradar e gradiómetro, coa escavación das zonas identificadas, demostrou a inmensa extensión do xacemento romano de Brandomil; o grande interese suscitado polas escavacións neste espazo arqueolóxico do Concello de Zas, motivou a visita a  finais do ano pasado do Director Xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes.

Dende a Fundación Brandomil apóstase por esta colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio, dun xeito similar aos anos 2024 e 2025, no sector de Agro de Pedra do Altar; tal e como se lle propuxo na reunión ó xefe do servicio de Arqueoloxía da Xunta de Galicia, Roberto Pena, a liña de investigación prevista encamíñase a realizar escavacións en área sobre as potentes estruturas romanas localizadas a finais de 2025, así como análises de sedimentos dos grandes niveis de carbóns que hai no seu interior.
Deste xeito, a Fundación Brandomil tamén manterá a colaboración co Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC [Centro Superior de Investigaciones Científicas] para a execución de analíticas e estudos palinolóxicos (pole de plantas de época antiga). Un dos obxectivos a curto prazo é a identificación de especies arbóreas e dos cultivos existentes en Brandomil a finais do século I da nosa Era, en base a sementes e pole conservados no xacemento, investigación que se levaría no departamento de arqueobotánica do CSIC. A idea marco é entender a paisaxe antiga deste espazo no entorno do río Xallas, para comprender mellor a vida en Brandomil fai preto de 2.000 anos.