A Fundación Fernando Blanco de Cee presenta o programa estival de visitas guiadas

2 minutes read

Un ano máis, dende a Fundación Fernando Blanco de Cee, volven a presentar o programa estival de visitas guiadas baixo o título “Fernando Blanco de Lema. O home que foi quen de ollar máis aló”.


Estas visitas son unha verdadeira viaxe no tempo posto que teñen como punto de partida o ano 1796 (nacemento do fundador) e chegan á actualidade, xa que o seu legado afortunadamente segue a estar moi vivo e moi presente no día a día da localidade.


Pretenden que todo aquel que participe nelas coñeza, de primeira man, o afortunada que foi a vila de Cee por contar cun dos máis importantes promotores da educación e da cultura na nosa terra, o cal non dubidou en dedicar a fortuna que fixo en Cuba para que a súa localidade contase cun dos centros educativos de referencia na Galicia de finais do século XIX.


As visitas realizaranse os venres 24 e 31 de xullo, así como os venres 7, 21 e 28 de agosto, con inicio no Museo Fernando Blanco ás 10:30 horas e cunha duración aproximada de 120 minutos.


Durante este tempo, ademais de visitalo propio Museo onde coñecer a biografía do mecenas e boa parte do seu legado a través das pezas expostas e mercadas como dotación de material didáctico e artístico para o centenario centro educativo, achegaranse ao Instituto que leva o nome do fundador, e que en outubro cumprirá 140 anos, para percorrer o seu xardín botánico e unha serie de dependencias interiores do mesmo, nas que aínda se respira certo aire decimonónico, e ás que só se pode acceder no verán debido a que durante o curso académico están en uso por parte de profesorado e alumnado.


Así coñecerán a capela dedicada a San Fernando e onde repousan os restos de Fernando Blanco de Lema, a sala de profesores, a biblioteca, os despachos de dirección e xefatura de estudos, os laboratorios e a torre do reloxo.


As visitas guiadas serán gratuítas, sendo precisa a inscrición previa (no propio Museo, no teléfono 981.747.221 ou no correo
fundacioncee@hotmail.com), e os grupos deben contar cun mínimo de 10 e cun máximo de 25 persoas.