A Fundación Fernando Blanco de Lema contará co apoio da Deputación da Coruña

1 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou este xoves o Concello de Cee onde comprometeu o apoio da institución provincial para manter o gran legado cultural da Fundación Fernando Blanco de Lema.

Acompañado da alcaldesa do municipio, Margarita Lamela, a directora do Instituto Fernando Blanco, Chelo Trillo, e o responsable do museo, Darío Areas, González Formoso coñeceu os máis de 100 anos de historia da fundación e os innumerables bens que atesoura, que forman parte da gran tradición cultural e educativa da comarca. No museo pódese atopar unha gran colección de fósiles, minerais, telescopios, unha máquina de vapor de Watt, maquinaria de laboratorio e didáctica moi avanzada para a época. Entre os elementos destaca nunha das vitrinas un fonógrafo de Edison que foi inventado no 1877 e que 13 anos despois foi levado á escola de Cee grazas á fundación.

A fundación atravesa dificultades económicas despois de que Ferroatlántica decidirá eliminar a súa aportación anual de 18.000 euros para o seu mantemento. Pese a que o Concello aporta outros 18.000 euros, a institución precisa de axuda. Formoso amosou na visita o compromiso da Deputación, que no próximo expediente de modificación de créditos fará unha aportación extraordinaria cun importe parecido a que antes destinaba Ferroatlántica. O obxectivo do ente provincial con esta aportación é manter a fundación neste período de transición.