O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, acompañados do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da Fundación Galicia Europa (FGE), Jesús Gamallo, participaron na reunión do padroado desta entidade, na que se abordou o plan previsto de cara a 2023. Coincidindo coa Presidencia española da UE e co Ano Europeo de Capacidades, a FGE continuará traballando na defensa dos intereses de Galicia ante a Unión Europea, ademais de fomentar a participación da comunidade galega en proxectos europeos e de informar e sensibilizar sobre a Unión Europea en Galicia.
En relación co Pacto Verde, que guía actualmente todas as políticas europeas para camiñar cara á neutralidade climática en 2050, a Fundación lembra que Galicia foi unha das primeiras rexións europeas en comprometerse con este obxectivo, se ben defende a necesidade de adaptar ben os tempos e contar cos recursos necesarios para acompañar os sectores económicos máis afectados como o do automóbil, o enerxético ou o sector primario. Precisamente as políticas comúns de pesca e agricultura serán outros dos temas prioritarios durante 2023, así como a revisión en curso da Rede Transeuropea de Transporte.
En relación co financiamento comunitario, 2023 será o último ano de execución dos fondos estruturais e de investimento e o primeiro da nova programación ata 2027. Será tamén o ecuador da execución do instrumento temporal de recuperación NextGeneration e o seu programa estrela: o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.
A Fundación Galicia Europa está a facer un seguimento da execución destes fondos para así contribuír ao debate que xa comeza na capital comunitaria sobre o marco financeiro plurianual posterior a 2027. Definir a posición de Galicia neste debate, especialmente en relación coa política rexional, que copa un terzo do orzamento, é unha das prioridades da fundación para o ano que vén.
Como complemento ás canles que a asociación emprega para defender os intereses de Galicia perante a UE, presentarase o próximo ano un plan para reforzar a influencia que supón a presenza de galegos e galegas nas institucións comunitarias.