A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recibiu un total de 38 achegas ao texto inicial da futura Lei de Arquitectura, que vén de rematar o período de consultas previas. Desde o pasado 4 de decembro ao 4 de xaneiro de 2021 un total de 38 interesados trasladaron as súas consideracións a este novo texto, a través do formulario habilitado no Portal de Transparencia do Goberno galego.
Nese sentido, a Consellería de Medio Ambiente agradece a implicación e participación da sociedade en xeral, e das entidades e colectivos relacionados co sector, como o Colexio Oficial de delineantes e técnicos superiores proxectistas da Coruña, Colexio de enxeñeiros de camiños, canais e portos, Colexio galego de aparelladores e arquitectos técnicos, así como do Colexio oficial de arquitectos de Galicia.
Todas as súas consideracións e achegas, acerca dos problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa, serán analizadas pola Xunta de Galicia, co fin de introducir todas aquelas cuestión que melloren ou enriquezan este novo texto, e avanzar pasos para que a Comunidade galega avance no obxectivos de contar coa primeira Lei de Arquitectura, e equipará a Galicia a outras comunidades españolas que xa contan con normativa na materia, como é o caso de Cataluña e Estremadura.
Así, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo avanza un novo paso no proceso administrativo deste novo texto normativo, como é a elaboración do documento de anteproxecto de Lei de arquitectura, co fin de elevalo ao Consello da Xunta, xunto coa memoria xustificativa e económica; quen debe autorizar o inicio da tramitación, que incluirá fases como a información pública, proceso de audiencia e solicitude de informes perceptivos.