A Garda Civil do Posto de Santa Comba, detivo a dous individuos como presuntos autores dun delito contra a saúde pública e outro de defraudación de fluído eléctrico. Os feitos ocorreron por mor das investigacións realizadas por efectivos da mencionada unidade, ante a trasfega de vehículos de diferentes marcas e modelos en dúas vivendas da súa demarcación. A Garda Civil realizou durante os últimos seis meses vixilancias esporádicas dos dous inmobles en diferentes franxas horarias, constatando que en cada un deles moraba un dos detidos, aínda que se relacionaban diariamente entre si e que as vivendas presentaban unha conexión ilegal ao tendido eléctrico.
A Benemérita contactou coas empresas subministradoras de enerxía eléctrica, corroborando estas que as vivendas tiñan unha conexión irregular coa consecuente defraudación no consumo eléctrico, sendo este moi elevado ao tratarse de domicilios e non de locais de uso industrial. A Garda Civil solicitou autorización xudicial para o rexistro de ambos os inmobles, dado que todos os indicios sinalaban a posible comisión dun ilícito no seu interior. Durante o rexistro a forza actuante localizou 325 plantas de marihuana cun peso de 7,750 quilogramos na primeira das vivendas e 188 na segunda cun peso de 5,550 quilos, constatando que o interior de ambos os inmobles estaba acondicionado para a optimización do crecemento das plantas, contando para iso con sistemas de rega automática e manual, dispositivos eléctricos, bombas de aire, ventiladores, equipos de iluminación especiais, paredes illadas, así como todo tipo de nutrientes, pesticidas e fungicidas.
A Benemérita procedeu á detención dos dous individuos como presuntos autores dun delito contra a saúde pública e outro delito de defraudación de fluído eléctrico e á incautación das plantas e dos dispositivos achados. Os detidos, xunto cos efectos incautados, foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución Número 1 de Negreira.