Os feitos sucederon cando efectivos do Servizo Marítimo Provincial da Garda Civil da Coruña, no seu labor de vixilancia costeira, observaron e tomaron medidas contra un pesqueiro que se atopaba faenando ao cerco nunha zona prohibida dentro do anexo II na Ría de Corcubión.
O pesqueiro, ante a gran cantidade de sardiña capturada, serviuse de embarcacións para a súa recollida no mar, realizando posteriores transbordos non autorizados co fin de evadir os posibles controis e ocultar os excesos de capturas.
Unha vez que o pesqueiro iniciou as descargas no porto de Corcubión, a Garda Civil levou a cabo unha inspección detallada das capturas que resultaron ser intervidas e o seu prezo de poxa púxose ao dispor da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.
A Garda Civil procedeu á confección das pertinentes actas-denuncia por presuntas infraccións á Lei 11/ 2008 de pesca de Galicia por actividade extractiva en zona prohibida, superación do tope de capturas establecido por xornada de pesca, realización de transbordos de capturas no mar sen autorización, infracción de capturas, así como á aprehensión de 13.862 quilos de sardiña valorados en 69.310 euros. Ademais, tamén foron denunciadas as catro embarcacións, implicadas así como os seus correspondentes patróns.