A celebración do Xacobeo 21-22 marcará a 22ª edición de Xantar, a Feira Internacional de Turismo Gastronómico que terá lugar en Ourense entre o 3 e o 7 de novembro nunha edición especialmente centrada na “Gastronomía dos Camiños”. Así o destacaba a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no acto de presentación da feira que tivo lugar este venres no Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) nun acto no que estivo acompañada polo xerente de Expourense, Rogelio Martínez.
“Xantar convértese un ano máis nun exemplo de cooperación público-privada e nun exemplo de recuperación dos eventos presenciais”, explicou Nava Castro, quen destacou o peso da gastronomía na estratexia turística galega e a necesidade de seguir avanzando nunha oferta enogastronómica de calidade no conxunto do territorio galego, e tamén nos diferentes itinerarios do Camiño de Santiago, porque o “Camiño, igual que a nosa gastronomía, forma parte da nosa carta de presentación a viaxeiros e peregrinos”.
Máis de 160 expositores e máis dun cento de experiencias gastronómicas se despregarán en Expourense nun encontro que conta cunha importante representación institucional e no que haberá restaurantes, aulas gastronómicas e diferentes áreas de degustación. Ademais de Turismo de Galicia, a Consellería do Mar acudirá a este certame cun posto de 48 m2 no que difundirá a calidade dos peixes e mariscos galegos coa campaña GALICIA SABE AMAR. Tamén organizará na Aula Mar de Xantar unha decena de degustacións de produtos como o mexillón de Galicia, os peixes e mariscos da pesca artesanal amparados baixo o selo de calidade pescadeRías, produtos ecolóxicos, conservas, pescada do pincho, palometa negra, bonito do norte ou rodaballo.
42