A gran parada do sector do metal colapsou as saídas da AP-9 en Vigo

1 minutes read

Decenas de condutores víronse inmersos nun forte atasco na mañá deste martes na autoestrada AP-9 á altura da saída do aeroporto de Vigo, nunha xornada na que coincide a inauguración da Feira Mindtech co segundo día de folga do sector do metal da provincia de Pontevedra.

Desde perto das 9 horas rexistráronse longas colas na autoestrada que obrigaron decenas de coches a ficaren até media hora parados na saída cara ao Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), onde decorre dende este martes, e ata o xoves, a Mindtech. Ademais, os sindicatos convocaron concentracións ás portas das devanditas instalacións, polo que centenares de traballadores do metal xa roldaban a zona contra as 9.30 horas, dúas antes da inauguración da feira do sector.

Neste sentido, os sindicatos volveron a pedir á Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) que “escoite aos traballadores” xa que “non están a pedir imposibles”. Piden a actualización salarial conforme ao IPC e avances noutros temas prioritarios.

En concreto, o portavoz de UXT, Rubén Pérez, solicitou “sentido común” na mesa negociadora do convenio para que os empresarios “traian propostas que permitan desconvocar o conflito”. Pola súa banda, Celso Carneiro, de Comisións Obreiras (CC.OO.), indicou que esta manifestación é a mostra de que os traballadores se manifestan “por vontade propia” porque “queren chegar a fin de mes”. Tamén Xulio Fernández, da CIG Industria, reivindicou o “músculo do sector” para alcanzar un “convenio digno”, polo que ameazou con máis xornadas de folga para conseguir “si ou si” o que se propoñen.