A III edición de ‘Ciberseguridade no cole!’ bate todos os récords de participación

1 minutes read

A III edición do concurso ‘Ciberseguridade no cole!’ para alumnos de 10 a 14 anos, que promove Telefónica, volveu unha vez máis a bater récords de participación, tras pechar o período de inscricións con 265 clases de Primaria ou Secundaria, correspondentes a 114 colexios de toda Galicia. Esto supón un incremento do 69% do número de clases e un 137% máis de colexios que o ano pasado, o que revela unha crecente preocupación da comunidade educativa pola ciberseguridade dos alumnos e unha clara vontade do profesorado galego por implementar desde as idades máis temperás unha adecuada cultura de seguridade dixital.

A convocatoria está dirixida ao alumnado de 5.º e 6.º de Primaria e 1.º e 2.º da ESO. O obxectivo do concurso é fomentar a concienciación en materia de ciberseguridade no ámbito escolar, e facilitar que os alumnos adquiran os coñecementos e as ferramentas necesarias para facer fronte aos riscos que entraña o uso dos medios dixitais, ademais de promover unha cultura de ciberseguridade entre os adolescentes.

Os centros educativos correctamente rexistrados serán informados a partir de mañá vía correo electrónico cos detalles da súa participación e os requisitos técnicos (equipo informático con conexión a internet) necesarios para a primeira fase inicial online do concurso, que se celebrará o 18 de outubro. Será requisito necesario rexistrarse utilizando un correo electrónico do propio centro escolar para validar a súa participación. Posteriormente daranse a coñecer os 3 equipos finalistas de cada categoría (Primaria e Secundaria), que serán convidados a participar na fase final presencial que se celebrará o día 3 de novembro na Cidade da Cultura de Santiago durante o Encontro Ciber.gal, onde serán anunciados os gañadores.