O mantemento óptimo do sistema público de pensións constitúe un dos problemas máis graves e de maior calado social aos que España se enfronta a medio prazo. Nuns, cinco, seis ou sete anos, o goberno da nación, sexa da cor que sexa, deberá afrontar si ou si o problema e reformar, dunha vez por todas, o alicerce fundamental do sistema do benestar, que non é outro que as pensións. De non realizarse e continuar como ata o de agora este sistema, máis pronto que tarde, crebará.
A percepción social existente é contraria a reformas que teñan como obxectivo o reaxuste económico así como o atraso na idade de xubilación. Na maioría dos fogares patrios hai coñecemento, contacto ou mesmo dependencia case total da devandita retribución. Un dereito gañado con suor por quen a recibe e que non quere que as pertinentes reformas leven consigo a consabida perda de poder adquisitivo. Algo, de xeito evidente inxusto.
Agora ben, a reforma antóllase inevitable. Existen unha serie de condicionantes que así o ditan. Para empezar debemos ter en conta que a poboación española, segundo o INE, alcanzará a cifra de 50 millóns de habitantes no ano 2048. Ademais temos, por unha banda, unha esperanza de vida moi alta. A segunda do mundo tras Xapón e que será a primeira en pouco tempo. Isto provocará que podamos chegar aos 84 xubilados por 100 traballadores activos a mediados deste século. Por outra banda, unha natalidade moi baixa. A taxa de fertilidade é xunto con Italia das máis baixas dos grandes de Europa. Onde pasamos de ter 2,8 fillos por muller en idade fértil na década dos 70 a 1,3 en 2016.
Por se isto fose pouco as pensións constitúen a partida máis cuantiosa dentro do que supón gasto público. En 2017(último ano onde se dispón dunha clasificación funcional do devandito gasto) foi de 106.304 millóns de euros. O cal supón o 40% do total do gasto do sector público e o 55% dos gastos de protección social. Para entendelo mellor, se cabe, resaltar que o gasto en Saúde pública non chega aos 70 millóns de euros e en Educación, apenas supera os 46 millóns e medio.
Tras as reformas de 2011 e 2013 e cando finalice o período transitorio de aplicación da lei 27/2011 estaremos obrigados a cotizar 37 anos e xubilarnos aos 67 para poder percibir o 100% da pensión correspondente. E aínda así, e establecendo un cálculo a grosso modo, se temos en consideración que a cotización constitúe aproximadamente un 30 % do salario, en 11 anos esta achega económica estaría amortizada. É dicir, con 78 anos. Actualmente a esperanza de vida é de 83 anos. Sinalar tamén que o Pacto de Toledo volveu introducir o IPC como índice de revalorización das pensións. Xusto, si, pero que aumenta aínda máis a brecha económica das pensións, tamén.
Outro aspecto altamente mellorable do sistema de pensións é o do financiamento, que a día de hoxe recae nas cotizacións sociais pagadas por traballadores e empresas. Uns ingresos, á súa vez, que son empregados directamente no pago das pensións, sen pasar polo aforro ergo fondo de capitalización que garanta o pago non só das actuais, senón tamén as futuras.
Ademais dita carga sobre o traballo produce outros problemas. Aumenta o desemprego. Incentiva as importacións doutros países con cargas sociais financiadas doutro xeito. Incita a utilizar máquinas e robots en contraposición ao emprego humano e non apoia as exportacións.
E é que unha reforma efectiva do noso sistema público de pensións iría acompañado de medidas duras: un aumento considerable da idade de xubilación (para a maioría pero non todos os traballos). Que o cálculo da pensión se ligue á cotización efectiva, satisfeitas durante toda a vida laboral e non unicamente aos últimos 20 ou 25 anos. Unha taxa de substitución actualizada ao dos países da OCDE, o que significa pasar do 88% ao aproximadamente 55% na relación entre a primeira pensión devindicada e o último salario recibido. O cal obriga a incentivar outras fontes complementarias das pensións públicas. Substituír unha parte substancial de cotizacións sociais actuais por un aumento doutros impostos como o IVE. Así como establecer criterios para a revalorización periódica das pensións.
Pero por que non se fai?
A máis diso a implementación dos sacrificios descritos traería tamén un enorme gasto político e custo electoral, que se cebaría co partido no goberno encargado de levar a cabo e liderar esta reforma. Producindo o consecuente atraso do que pouco máis pode esperar, sen correr risco de que sexa demasiado tarde.
O déficit ha de ser cero debido a que non hai camiño máis rápido na destrución de algo que o facelo insustentable. Coa hucha finiquitada, o estado facendo préstamos á seguridade social e á espera das xubilacións masivas das xeracións do baby boom a reforma aprema. A pesar da impopularidade das medidas e co fin de garantir o dereito de quen traballou e cotizou urxe a solución correcta. Axudaría en gran medida poñer fin ao malgasto noutras cuestións, sanguentas a segundo que desmáns, e que a xente perciba e consiga dunha vez por todas visualizar unha clase política afastada da corrupción.
ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO